Saturday 20 de April de 2024

Enrique de Salvador traslada o seu compromiso para traballar e apostar polo “fermosismo” en Galicia


Ángeles Vázquez destaca o acerto de incorporalo ao equipo de Medio Ambiente polo seu coñecemento do territorio e da Administración autonómica

O novo director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador Sánchez, trasladou esta mañá o seu compromiso para traballar e apostar polo fermosismo en Galicia., despois de tomar posesión do seu cargo, nun acto presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Enrique de Salvador é enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro superior de montes, en ambos casos pola Universidade de Santiago de Compostela, así como especialista en avaliación de impactos ambientais, en auditoría ambiental e en tratamento de espazos degradados.

A conselleira destacou que a formación e experiencia do novo membro do equipo de Medio Ambiente é un aval sobre o seu grao de coñecemento do territorio de Galicia, así como do funcionamento da Administración autonómica. Na actualidade exercía como xefe do Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural na Coruña; pero foi no ano 1989 cando ingresou como funcionario.

Durante a toma de posesión, a conselleira e o novo director tamén tiveron unhas palabras para o recordo do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e citaron a súa valía persoal e profesional como o exemplo a seguir.